domingo, 1 de xullo de 2018

PRESENTACIÓN DO BLOG

Este blog pretende ser un resumo de todo o feito no Ceip Párroco Don Camilo para desenvolver o Proxecto Documental Integrado que levamos adiante este curso 2017-18.
Tódalas aulas do centro dende infantil ata 6º de Primaria e mailas familias foron traballando día a día para afondar no coñecemento da nosa cidade dende unha perspectiva multidisciplinar. A arte de sempre - os edificios salientables, as esculturas das distintas rúas-  e maila máis nova -os murais da arte urbana- foron o punto de partida para desenvolver a educación documental cunha metodoloxía activa e baseada na investigación, cunha aprendizaxe cooperativa e compartida na que se integraron asemade a creación literaria e  plástica.
 Paralelamente traballamos arredor dos homes e mulleres de Vigo, de onte e de hoxe; dos protagonistas da nosa historia, en especial Martín Códax e Julio Verne. Este último por mor da súa relación ca cidade e por celebrarse este ano o 150 aniversario da chegada do Nautilus á ría de Vigo.
Nas lapelas superiores imos ir debullando todo o que deu de sí este traballo nos distintos eidos e dando conta do que foron facendo tódolos membros da comunidade educativa, cadaquen dende a súa particular perspectiva. 
Todo elo escrito e dirixido polos nosos mouchiños da biblioteca que se encargaron de coordinar este gran traballo. Grande pola implicación de todos e polo agarimo que todos puxemos no seu desenvolvemento.

1 comentario:

  1. Noraboa polo proxecto! Un gran traballo -do que se ve e do que non se ve- que obtivo uns resultados espectaculares, moi vistosos e, sobre todo, educativos. Felicidades @s responsables de planificalo, dirixilo e executalo!

    ResponderEliminar